O magnetismo que exerceu España nos espíritos viaxeiros da segunda metade do século XVIII e primeira do XIX relaciónase, creo, co engado do Volksgeist , o espírito do pobo, concepto tan caro aos románticos alemáns e anglosaxóns. Fronte á Europa de alén os Pireneos, que coñece nesta convulsa época mudanzas sociais que están poñendo os alicerces do mundo contemporáneo, o secular illamento da Península, a atrofia dunha poboación fundamentalmente rural e un ostracismo impenetrable nutrido por militares, nobres e monarcas, e bendicido por curas e frades, eran o pano dun escenario ben disposto a todo tipo de truculencias. Dos bandoleiros fantasmagóricos de Potocki e o goticismo do luxurioso monxe de Lewis ás maquinacións dos hijos de Egipto , colegas de don Jorgito el inglés, a vella pel de touro foi decorado de toda casta de ladróns, facciosos, ventas remotas rexentadas por asasinos, mouras ávidas de sangue, frades libidinosos, sádicos inquisidores, monxas espectrais e demais artillaría narrativa do xénero.
Outros viaxeiros tiveron, porén, unha visión máis neutra e incisiva. Na selecta nómina dos turistas románticos fai parte preeminente o nome, pouco coñecido e escurecido polo fulgor do seu paisano e coetáneo Washington Irving, de George Ticknor (Boston, 1791-1871), autor dunha pioneira Historia da literatura española (1849). Tan erudito humanista visitou a Península en 1818, ao pouco da guerra da Independencia.